CRTVG

Buscar

Os bancos de néboa están a dificultar a circulación en varios puntos da rede viaria

Publicado o 08/12/2019 21:00

A mesta néboa é a protagonista da xornada nas estradas. Desde primeira hora a presenza de bancos de néboa está a dificultar a circulación nalgúns puntos da rede viaria galega, espacialmente na A-52, e coa noite pode complicar a volta á casa nesta ponte festiva. Tráfico recomenda extremar a precaución, levar as luces de cruzamento postas e aumentar a distancia de seguridade.

Tráfico aconsella tamén comprobar antes de iniciar a viaxe o estado das vías na páxina da DXT.

Rubén Varela, garda civil de Tráfico de Pontevedra: "Que saian ás estradas de xeito gradual, que fagan os períodos de descanso de dúas horas que son os recomendables para que a xente non se fatigue, e que presten atención á condución correcta. Que non fagan uso do teléfono móbil, que é un elemento que distrae moito a condución e se poden facer uso das luces de cruzamento, mellor, para ser máis visibles".

A operación especial de Tráfico con motivo da ponte da Constitución remata esta medianoite. A Dirección Xeral de Tráfico calculaba uns 695.000 desprazamentos nas estradas galegas e uns case 7 millóns en España.

Noticias web

08/12/2019