CRTVG

Buscar

Os bancos de alimentos traballan para cubrir as necesidades do Nadal

Publicado o 16/12/2019 14:08

Nos bancos de alimentos de Galicia son días de apuro. A campaña de recollida de Nadal foi un éxito, pero nalgúns precisan algunhas cousas máis para completar os pedidos. No banco de Santiago, por exemplo, fáltanlles os produtos típicos cos que completan os lotes que reparten nesta época do ano. 

Ángela Vergara, voluntaria encargada do banco de alimentos de Santiago: "Collemos bastantes quilos, o que pasa é que en produtos habituais, non tanto nestes que estamos necesitando con tanta urxencia agora: chocolates, turróns, cousiñas que nos gusta ter na mesa no Nadal, como polvoróns e esas cousas, que aos nenos, sobre todo, lles fai máis ilusión eses días".  

Os bancos de alimentos atenden as distintas organizacións que se ocupan de axudar as familias que precisan. Quincenalmente distribúen lotes de produtos básicos, así que nalgúuns casos xa están a recibir eses pedidos de Nadal. Pero aínda falta moito material por clasificar e para iso tamén precisarían a axuda de máis voluntarios. "Cantas máis mans a axudar, mellor", di Ánxela. 

Pablo Núñez Voluntario do Banco de alimentos de Santiago: "Si, falta moita xente e máis agora, neste tema de clasificación, que somos pouquiños e isto acaba de empezar. Clasificamos por produto e por data, que é moi importante para que non venzan", puntualiza Ánxela.

Os que, coma eles, desexen axudar a facer un mellor Nadal para todos, non teñen máis que colaborar achegando produtos ou o seu traballo voluntario ao banco da súa zona.

 

Noticias web

16/12/2019