CRTVG

Buscar

Os balnearios prepáranse para reabrir

Publicado o 06/05/2021 21:52

Piscinas sen auga, inhaladores sen vapor e salas de baño totalmente baleiras, esta é a estampa de moitos balnearios galegos. Algúns coma este de Lugo prepáranse agora para reabrir de novo estas instalacións, onde adoitaban traballar unhas 35 persoas.

"A nosa idea é preparar as instalacións porque despois de case un ano pechadas necesitan unha posta a punto importante. Hai que facer moitas cousas e a idea é abrir a mediados de xuño", sinala Antonio Garaloces, director do balneario de Lugo.

Antes da pandemia este balneario realizaba uns 150 tratamentos termais ao día. Agora saben que se reducirá a ocupación en función da situación e que terán que ser moi minuciosos coa organización das diferentes salas e das quendas entre os clientes.

"A maioría dos balnearios teñen augas quentes e iso produce vapor. Ese vapor inhálase e se está contaminado cun virus pode crear unha enfermidade grave para a xente. Hai que poñer horarios e levar todo con rigor porque en caso de producirse algún contaxio pode ser moi grave", sinala Antonio Garaloces, director do balneario de Lugo.

Os seus principais usuarios son persoas maiores que buscan tratamentos con augas mineromedicinais e agora coa vacinación completada son eles os que xa chaman preguntando pola reapertura.