CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Os axentes desprazados en Cataluña seguirán nos hoteis contratados

Publicado o 03/10/2017 20:47

O Goberno asegura que ningún policía nin garda civil vai abandonar os hoteis de Cataluña cos que hai un contrato vixente. Interior di que tomará todas as medidas que permite o Estado de Dereito para defendelos. O ministro Zoido fala de actos de odio e culpa directamente a Puigdemont de alentalos.

Reunión de urxencia en Interior polo acoso que están sufrindo os axentes das forzas de seguridade do Estado desprazadas a Cataluña. Juan Ignacio Zoido analizou cos directores xerais da Policía Nacional e da Garda Civil e o Secretario de Estado de Seguridade as medidas a tomar.

"A primeira decisión que tomamos é que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil non abandonarán os hoteis con contrato vixente", explicou o ministro do Interior.

Non hai data para retirar o despregamento especial de axentes, inicialmente previsto para esta semana. Iso si, Interior última todas as medidas necesarias dentro do Estado de Dereito para frear o acoso que sufren, un acoso cualificado de intolerable polo ministro e do que culpa o presidente catalán.

"Estes actos de odio están alentados por Carles Puigdemont. Esiximos unha condena destes actos que empuxan o pobo catalán cara ao abismo e alenta a rebelión nas rúas das cidades", dixo Zoido.

Zoido sinalou que estes actos terán unha resposta xurídica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

03/10/2017