CRTVG

Buscar

Os axentes aseguran que o autor do atropelo mortal no Orzán recoñeceu os feitos

Publicado o 28/01/2019 17:54

Na sesión de hoxe, a quenda foi para os axentes da policía que acudiron en outubro de 2017 ao atropelo en que morreu un mozo marroquí e outro quedou ferido. Os axentes que lle tomaron declaración tras o suceso afirmaron que o acusado recoñeceu os feitos. Unha versión que corroborarían as imaxes das cámaras de seguridade do paseo marítimo, onde se aprecia como o home acelerou o coche e non freou cando viu as 3 persoas coas que mantivera unha discusión nun local do Orzán.

"Manifestou que vira unha persoa coa que tivera unha discusión e cando o viu acelerou e atropelouno", dixo un dos axentes.

A muller que ía co acusado no coche no momento do atropelo declarou que o home pretendía asustalos.

"Iamos de fronte cara ao coche. Creo que quería darlles un susto. Se quixese pegarlle de verdade daríalle de fronte e o que fixo foi xirar".

O home está acusado dun delito de asasinato e outro dous en grao de tentativa, polos que a Fiscalía pide 49 anos de cárcere. A vista continuará mañá coa proxección do vídeo que recolle o momento do atropelo.


 

Noticias web

28/01/2019