CRTVG

Buscar

Os autónomos galegos piden un trimestre de exención fiscal e no pagamento á Seguridade Social

Publicado o 18/04/2020 14:44

Configuran un dos sectores máis fráxiles en época de crise. En Galicia hai preto de 210.000 autónomos e 3,4 millóns en España. Seguen traballando os relacionados coas actividades consideradas esenciais, desde o comercio ata o transporte de mercadorías, pero unha porcentaxe elevada perdeu todos os ingresos e agora reclaman un alivio. Necesitan osíxeno para sobrevivir.

"Pedimos upresión da cotas da Seguridade Social do réxime de autónomos durante un trimestre, o tempo no que contamos que vai haber parón da actividade, así como a suspensión do pagamento de impostos durante o mesmo período. Os autónomos temos os mesmos custos fixos de salarios, alugueres ou subministros ca en calquera outro período sen ter actividade na maioría dos casos", sinala Francisco Javier Pérez Bello, presidente da Federación de Autónomos de Galicia.

Van poder demorar o pagamento dos impostos do primeiro trimestre desde o vinte de abril, a data límite prevista inicialmente, ata o 20 de maio. Pero, en xeral, consideran que iso só prolonga a agonía."Se imos seguir pechados, e probablemente imos seguir pechados ata o 11 de maio como se está rumoreando, o que non se pode facer é que nos digan que paguemos o 20 de maio en vez do 20 de abril. O único que van facer é a bóla máis grande, sen máis", opina Rafael Penide, presidente de Cambre Empresarial.

Desde a Federación de Autónomos de Galicia estiman que entre un 30 e 40% deles perderán o traballo. Para outros, esas cifras mesmo poden quedar curtas."Eu creo que iso ata vai quedar pequeno. Porque non é cuestión de que isto remate a finais de maio, a primeiros de xuño ou a mediados de maio. É cuestión de que cando saiamos traballar, con quen imos traballar?", pregunta José Antonio Rodríguez Álvarez, xerente de Coruña Consultores.

Desde o sector solicitan máis axudas. Entre elas, a paralización das hipotecas que están pagando ou subsidios sostidos no tempo. O obxectivo é sobrevivir nunha etapa de incertezas, de crise global.

Noticias web

18/04/2020