CRTVG

Buscar

Os arquitectos advirten da perigosidade de poñer unha piscina na terraza

Publicado o 25/05/2020 16:13

A venda de piscinas desmontables disparouse nas últimas semanas. Nesta tenda de Lugo teñen ata un mes de lista de espera para conseguir algunha. O motivo está nas dúbidas sobre se se poderá ir á praia, ás piscinas públicas ou aos ríos durante o verán para combater a calor.

"Temos moita demanda e xa hai xente en lista de espera. Queren estar preparados para non pasar calor no verán".

Os arquitectos advirten da perigosidade de colocar as piscinas en terrazas porque supoñen un peso engadido que pode superar a capacidade de resistencia dos edificios e provocar accidentes e danos nas estruturas. E a auga pode filtrarse a outros pisos ou zonas comúns das vivendas. Ademais, o movemento sumado ao peso é outro factor de inestabilidade.

"Cada dez centímetros de auga que poñemos supoñen 100 quilos. Así, cando chegamos a 300 quilos xa estamos moi por riba do cálculo dese proxecto de construción. Se ademais estamos a mover a auga, pode haber unha presión excesiva sobre un punto concreto que xa estaba cargado de máis polo peso da auga".

Os arquitectos recomendan informarse sobre as características técnicas dos edificios para coñecer cal é a súa resistencia.

Noticias web

25/05/2020