CRTVG

Buscar

Os alumnos poderán pasar de curso con máis de tres suspensos

Publicado o 30/09/2020 09:11

Este curso tampouco será necesario aprobar todo para pasar ao seguinte. Os alumnos poderán pasar con máis de tres suspensos como marca a LOMCE.

É outras das consecuencias do coronavirus. O Ministerio de Educación volve retirar o máximo de suspensos para pasar de curso e deixa esta decisión en mans dos profesores. Así o plasmou o Consello de Ministros nun decreto lei que establece que será o equipo docente o que avalíe e tome a decisión de se un estudiante acadou os obxectivos para pasar de curso, independentemente do número de materias que aprobara.

En condicións normais, a Lei orgánica para a mellora da calidade educativa, a coñecida como LOMCE, establece como máximo tres suspensos en secundaria e dous no bacharelato para poder promover.

Xa o pasado mes de abril o B.O.E. publicaba unha orde que permitía superar o curso con máis asignaturas suspensas que as que contemplaba a lei.

E agora flexibilízanse aínda máis os estándares e criterios de avaliación en primaria, secundaria e bacharelato, para que cada centro escolar se poida adaptar en función da presencialidade dos alumnos e doutras condicións derivadas da pandemia.

Para os alumnos de ESO e bacharelato, a obtención do título queda tamén a criterio dos docentes, sen ter en conta o número de materias aprobadas ou suspensas.

 

Noticias web

30/09/2020