CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Os alumnos do IES Pontepedriña dan unha lección de arte e bioloxía a través dun mural

Publicado o 13/06/2018 15:23

O equipo do Instituto de Pontepedriña, de Santiago, que gañou un premio da FAO cun traballo sobre o coidado do solo, recibiu hoxe o recoñecemento do seu éxito no propio centro. Os conselleiros de Educación e Medio Rural resaltaron a valía do proxecto como modelo de referencia e innovación educativa.

Así reflectiron os alumnos de plástica e bioloxía do IES Pontepedriña de Santiago a ferida que o lume provoca no chan.

O seu traballo mereceu o primeiro premio do concurso internacional de pintura con solos convocado pola FAO.

"Elaboramos nós todo o que ves... agás o amarelo ou o vermello", di Irene, unha alumna de plástica.

Foi o único instituto español que participou no proxecto. Desde hoxe o seu traballo está visible de forma permanente nunha das paredes do centro e foron os propios autores os que lles explicaron aos invitados ao acto o proceso de creación e o traballo previo sobre os terreos queimados en outubro pasado.

"Decateime de que non foi unha broma... e aprendín moito de como recuperar o solo", di Irene.
"Hai un momento en que te decatas de que cunha actividade estás chegando ao fondo; non estás ensinando bioloxía senón algo máis profundo", di Nicolás Lucas, profesor de bioloxía e coordinador do proxecto.

Contaron co apoio de centros especializados na investigación forestal e pretenden que o proxecto teña continuidade colaborando na reforestación das zonas onde fixeron o traballo de campo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí