As crías de tiburón azul regresan ás costas de Baiona
Un grupo de crías de tiburón azul foi visto na costa de Baiona, pero ao longo dos últimos días centos como eles están visitando praias e zonas portuarias de boa parte do litoral galego. Alfredo López, biólogo do Centro de Estudo do Medio Mariño (CEMMA), explica que "é un fenómeno que se vén repetindo nos últimos cinco ou seis anos, antes chegaba algunha, pero neste caso falamos de centos que chegan á praia, co que serán miles os que cheguen á costa galega, entre Fisterra e Vigo pero probablemente se estenda ao resto do litoral galego".
Así que, ante a posibilidade de atopar unha destas crías, o primeiro que hai que saber é que non son perigosas. "Son animais inofensivos, non van botarlle a boca a calquera ser vivo máis grande que eles, pero hai que ter precaución, porque teñen a boca chea de dentes e, igual que se a un gato lle tiras do rabo probablemente rabuñe, eles farán o mesmo".
En caso de atopar unha pequena quenlla varada na praia, o recomendable é devolvela á auga colléndoa cunha toalla. Nacen no océano e veñen cara ás rías escapando dos grandes depredadores e na busca de alimento. Moitos chegan esgotados e varan na praia, como esta quenlla macho duns 30 días de idade que non conseguiu sobrevivir á viaxe. Os científicos cren que o incremento da temperatura dos océanos pode estar detrás desta maior afluencia á costa galega dos escualos.