CRTVG

Buscar

As alerxias graves non impiden a vacinación contra a covid-19

Publicado o 25/03/2021 14:24

As autoridades sanitarias desaconsellaran no seu día a vacinación contra o coronavirus a pacientes que presentaban enfermidades alérxicas. Meses despois, a ciencia quítalles a razón: as vacinas non están contraindicadas para os alérxicos.

O doutor José Manuel Zubeldia, xefe do servizo de alerxia do Hospital Gregorio Marañón, di que o noventa e nove dos pacientes que participaron no estudo non tiveron ningún tipo de reacción.

Para a realización do estudo, elixiron 131 traballadores do hospital, entre 26 e 66 anos con antecedentes de anafilaxia, asma grave ou urticaria. Tras unha proba cutánea, en quince minutos xa se sabe se os pacientes presentan algunha sensibilización aos compoñentes da vacina.

"Se a proba cutánea dá negativo, procedemos á administración da vacina", cóntanos a doutora Crespo, tamén do Hospital Gregorio Marañón.

Coas probas cutáneas previas, 129 dos 131 candidatos puideron ser vacinados coa pauta completa. "Estou ben, sen ningún síntoma", di unha das persoas que participaron no estudo.

Só unha paciente con asma bronquial grave sufriu unha reacción, síntomas nasais, aos dez minutos de recibir a dose da vacina. Despois de ser tratada tamén lle administraron a segunda dose.

Noticias web

25/03/2021