CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Os alcaldes dos concellos afectados polo incendio de Cualedro piden axuda para facerlle fronte aos gastos

Publicado o 02/09/2015 21:24




Os alcaldes dos concellos afectados polo gran incendio que se iniciou en Cualedro esixen medidas urxentes para compensar danos millonarios. Aseguran que a intencionalidade do lume está clara. Atoparon sete aparellos incendiarios que arderon á vez.

Os alcaldes dos concellos de Baltar, Xinzo, Trasmiras e Cualedro pídenlle axuda á Xunta e ao Goberno central para facerlle fronte aos danos causados polo incendio máis grave do verán. Os rexedores, que calculan que a superficie queimada é moito maior de 3.000 hectáreas, aseguran que o incendio é intencionado.

"Eu non sei se unha persoa será capaz de poñer sete aparellos incendiarios en 27 minutos nun perímetro de seis quilómetros. Comezou en Cualedro. Estendeuse a Xinzo e Baltar e despois empezou noutros sitios. Se iso non é coordinado, pois xa me dirás", asegura o alcalde de Xinzo.

Os alcaldes falan de terrorismo ecolóxico. Por iso esixen que se cambie a lei e que se obrigue a manter limpos os perímetros.

"Non podemos permitir que os nosos veciños corran o risco de perder a súa vivenda, a súa explotación e o máis lamentable, perder vidas humanas", reclama o alcalde de Cualedro.

O lume, que se aproximou a unha vintena de poboacións, causou danos en vivendas deshabitadas, almacéns, cultivos, árbores e mobiliario urbano. Tamén puxo en perigo varias granxas. Os alcaldes aseguran que se contaba con todos os medios precisos para apagar o lume, pero que as circunstancias eran moi adversas.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

02/09/2015