CRTVG

Buscar

Os alcaldes das confluencias abstéñense de entrar no debate de En Marea polo liderado

Publicado o 04/05/2019 09:43

Luís Villares acusou a Podemos de tentar destituílo como voceiro do grupo parlamentario de En Marea, unha estratexia que tamén foi criticada por Anova e, en especial, polo seu fundador, Xosé Manuel Beiras. Nun chío advertíalles aos dirixentes de Unidas Podemos que "a cobiza fura as faldriqueiras", aludindo ás posibles consecuencias dunha crise interna nos resultados das municipais. Os alcaldes prefiren manterse á marxe.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, pedíalles aos xornalistas que entendesen que se ía "inhibir de facer valoracións da política nacional ou galega. Entendede que estas dúas, tres semanas estea centrado no local".

Postura semellante mantén Xulio Ferreiro, o alcalde da Coruña: "Temos unha reválida importante en tres, catro semanas. É o que ocupa o meu tempo e a miña cabeza. O outro véxoo desde fóra. O que me gustaría é que houbese tranquilidade para que poidamos centrarnos no que temos que centrarnos", declarou en conferencia de prensa.

O alcalde de Ferrol, que terá que competir na cidade contra outras dúas listas de En Marea, agarda ter o apoio de Podemos durante a campaña. Jorge Suárez recordou que para as eleccións xerais "estiven todo o momento apoiando a Antón Gómez-Reino, o secretario xeral de Podemos. Estou seguro que nos van corresponder coa boa relación e entendemento político que temos con Podemos".

Agardan que as tensións dentro de En Marea amainen, cando menos, durante a campaña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/05/2019