Os alcaldes da Mariña reclaman unha solución definitiva para Alcoa
O anuncio de despido colectivo por parte de Alcoa abre un novo capítulo con varias interrogantes sobre as medidas de presión na rúa, as vías xudiciais e a resposta das administracións públicas. Entre os alcaldes da Mariña prevalece a idea dunha intervención pública da empresa:
"Agora é o momento de que as Administracións con competencias, tanto a Xunta en materia laboral e industrial como o Estado, actúen con contundencia, con claridade", reclama Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros.
"O que esperamos todos é a intervención por parte do Estado a esta empresa, ben sexa para facer ese paso intermedio para que sexa a nova operadora, a partir de canto antes mellor, tome as rendas da nosa factoría", indica Alfonso Villares, rexedor de Cervo.
Aínda así, algún alcalde cre que existe marxe para forzar a negociación con Alcoa. É a opinión de Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove: "Alcoa poñía 90 millóns de euros practicamente enriba da mesa para facilitar a venda da empresa. Entón seguimos considerando que a forma máis viable é chegar a un acordo con Alcoa. Rompéronse as negociación nun momento en que as posturas estaban moi proximas".
As subvencións recibidas pola multinacional estadounidense están tamén no punto de mira por se houbo fraude. E no que hai un consenso básico é na necesidade de frear o ERE. "Hai que mirar se cumpriron con todos os requisitos, todas as axudas enormes que levaron, porque levaron millóns e millóns de euros de axudas. E hai que contrastar as condición nas que estaban para que, se non se cumpriron, se devolvan eses cartos e se aproveiten para o desenvolvemento integral da Mariña", explica Alfredo Llano, alcalde de Burela.
Pola súa parte, Fran Cajoto, alcalde de Foz, salienta: "En primeiro lugar, que se tombe o ERE e ademais hai unha alternativa viable do grupo Alliance, que así o traducía cun investimento económico. Iso demostra que a fábrica é viable e que un ERE non ten ningún sentido".
O Goberno central, a Xunta e a Avogacía do Estado analizan as posibles solucións. Desde a representación dos traballadores insisten en que impedirán que se toque unha soa cuba de electrólise para que a empresa siga sendo viable.