CRTVG

Buscar

Os albergues prepáranse para abrir de xeito gradual a partir do mércores

Publicado o 29/06/2020 15:27

O albergue da antiga reitoral de Poulo, no concello de Ordes, prepárase para recibir os primeiros peregrinos da nova normalidade. Hai carteis e sinais de todo tipo para garantir o distanciamento social. Tamén xeles e solucións desinfectantes nos lugares estratéxicos.

"Imos poñer especial énfase na ventilación, na hixiente e desinfección antes da apertura. Todo isto é importante e imos estar pendentes todo o rato", asegura Isaías Calvo, director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Ademais, non se van utilizar todas as prazas. Neste albergue do Camiño Inglés só se poderán ocupar once das máis de corenta dispoñibles. O acceso ás zonas comúns queda restrinxido e establécese un sistema de reserva en liña.

"Estamos a falar dun sistema que permita reservar dende as cinco das tarde ata a unha do mediodía da data de aloxamento", explica.

O 1 de xullo abrirán as súas portas, como mínimo, 28 albergues da rede pública. O obxectivo do Goberno autonómico é ir recuperando a actividade turística.

"En Galicia o turismo implica en torno a 130.000 postos de traballo e un 10% do PIB", engade o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

En setembro está previsto que todos os albergues estean operativos, seguindo os protocolos de seguridade e hixiene establecidos.

Noticias web

29/06/2020