CRTVG

Buscar

Os agricultores ecolóxicos doan leite e conservas con selo eco aos bancos de alimentos

Publicado o 18/06/2020 13:47

Co fin de paliar o impacto da crise sanitaria e económica xerada pola covid-19 entre as persoas con menos recursos, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia acaba de poñer en marcha unha campaña solidaria. Así, o Craega doou aos bancos de alimentos lotes de leite e mais conservas vexetais e de peixe e marisco co selo eco. 

O organismo que controla e certifica a agricultura ecolóxica en Galicia realizou unha importante achega para aliviar a grave situación en que se atopan as persoas e colectivos vulnerables que buscan amparo nas entidades sociais. Desta forma, o Craega acaba de doar aos bancos de alimentos 9.000 litros de leite, máis 3.000 conservas vexetais, máis de 3.400 latas de sardiñas en aceite de oliva ou máis dun milleiro de latas de mexillóns en escabeche, todas co selo eco.

"Recibimos doazóns de varias empresas, ultimamente da agricultura ecolóxica galega, de onde recibimos conservas, por exemplo sardiñas, e vexetais, como marmeladas ou caldo galego. Periodicamente, estannos mandando aquí, ao banco de alimentos", di Andrés Téllez, responsable das naves do Banco de Alimentos de Lugo.

"A xente quedou contenta", di o voluntario Fernando Porto, "ao levar dúas caixiñas de conservas ou un litro de aceite". "Hai moita xente que non ten nada para comprar e veñen aquí, ao banco de alimentos e aos voluntarios, que estamos aquí todos os días", recalca.

Estas doazóns, que se repartiron entre os centros de Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, súmanse ás realizadas por outros organismos e empresas co fin de paliar o impacto da crise sanitaria e económica xerada pola covid-19 entre as persoas con menos recursos. No caso de Lugo e arredores, supuxo a duplicación no número de beneficiarios, que actualmente son máis de mil familias.

Téllez comanta que aumentou o número de familias, a raíz da pandemia, a "practicamente un 90 por cento". Antes desta situación, atendían sobre 500 familias, pero agora están atendendo sobre 900 familias de Lugo. "E os venres estamos atendendo as do rural, que son outras 150 familias", engade.

Outra importante achega que acaban de recibir os bancos de alimentos procede do Fondo de Axuda Europea para os Máis Necesitados.

Noticias web

18/06/2020