CRTVG

Buscar

Os agricultores colapsan estradas en Estremadura e causan incidentes en Almeria

Publicado o 18/02/2020 20:58

Van a máis as protestas dos agricultores na cuarta semana de mobilizacións.  En Cáceres queimaron follas de tabaco na autovía. Outro produto que non lles resulta rendible cultivar.

"A isto hai que darlle unha solución xa. No sector estamos cansos de que os políticos nos vendan tanto fume e non se acheguen solucións tanxibles", apunta o voceiro autonómico de ASAJA. "Só queremos benestar e un prezo digno e xusto polos nosos produtos", berran uns mozos.

Os agricultores e gandeiros estremeños colapsaron catro horas a Ruta da Prata, a autovía con Madrid e unha ducia de estradas. Aos condutores atrapados tocoulles tirar de paciencia e resignación

"Paréceme moi ben que protesten pero eu tiña que entrar a traballar ás tres e tiven que chamar que non chego", di unha condutora. "Hoxe tocoulles a eles protestar e mañá vainos tocar a nós", di un home. "A min paréceme ben que fagan estas cousas pero que non corten a estrada que eu teño que comer", argumenta un camioneiro"

En El Ejido remataba con enfrontamentos o intento da Garda Civil de impedir o acceso dos agricultores á autovía A-7 O sector hortofrutícola clama contra a competencia desleal dos produtos extracomunitarios.

"En Almeria ademais temos un problema engadido que se chama importacións de terceiros países en mans de usureiros e canallas que temos mesturados no sector agrario almeriense", apunta o voceiro de COAG.

En Cádiz 3.000 persoas secundaron unha marcha. Non será a última. Seguirán reclamando políticas que non os condenen a pechar as súas explotacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/02/2020