Os afectados por Ryanair en Vigo buscan alternativas para non perder as súas viaxes
Ao cancelarse con máis de quince días de antelación, Ryanair non ten a obriga de levar os usuarios ao destino comprometido. E na busca de alternativas, os clientes que compraron billete con orixe ou destino en Peinador só atopan escollos nas dúas opcións que lles da a compañía: devolverlles os cartos ou viaxar a outro dos aeroportos en que opera, como Tenerife ou Sevilla.
Manuel Varela, operador dunha axencia de viaxes: "Non é viable. Non creo que ningún pasaxeiro de Ryanair faga ese cambio porque non lle convén. Logo ten que pagar o resto da viaxe".
Elixan a que elixan, o viaxeiro afronta un sobrecusto, do que se podería librar se se trata dun paquete combinado e contratado cunha axencia ou maiorista.
Manuel Varela, operador dunha axencia de viaxes: "Xa o vai saber antes ca ti. Entón vaiche dicir. Mira, tes que vir por aquí porque van cancelar o voo este de Ryanair, non vai operar e hai que buscar unha solución. E a axencia sempre vai buscar a mellor solución, co menos custo posible ou sen que o cliente pague nada".
Ao resto dos afectados só lles queda contactar vía chat na páxina web de Ryanair.