CRTVG

Buscar

Os afectados polo incendio de Pontevedra non poden regresar ás súas casas

Publicado o 31/01/2019 13:52

Catro días despois do lume que afectou seis vivendas dun edificio de Pontevedra, os seus habitantes seguen sen poder regresar. Aos danos que ocasionou o lume, súmanse os da chuvia, que se filtra polas ventás que seguen sen cristais. Culpan os seguros de demora para reparar os estragos.

Estes plásticos son a solución provisional que lle facilitou a aseguradora ao propietario do 6º D, o piso máis danado polo lume. Pero non funcionan contra o temporal que azouta Pontevedra e o resto de Galicia.

"Viñeron de Mapfre e puxeron os plásticos. Tiñan que poñer unha lona pero non se queren subir ao tellado porque está como está. Ademais, tiñan que ter caída para que a auga non empozara, porque se non vense todo abaixo. E non só por nós, senón polo resto da comunidade. O de abaixo ten que estar inundado", explica Carlos Lorenzo, dono do piso. 

Uns pisos máis abaixo, visitamos a Marta, que segue sen poder regresar á súa casa coa súa nena de tres anos. Ninguén lles garante seguridade nunha vivenda sen cristais na que constantemente escoitan a caída de cascotes da fachada incenciada: "E se me cae un cascote coma os que están caendo agora? A miña nena xoga aquí. Se lle cae un cristal, quen se fai responsable? Os peritos non me dan nada por escrito. A solución, din, é que me afaste das ventás".

Quéixanse das aseguradoras. A do edificio, as dos seus pisos e a do local onde se orixinou o lume, un restaurante situado no baixo do edificio.

"Os seguros parece que lavan as mans ou se botan a culpa uns a outros para pagar o mínimo. O da Tasca leva tres días e non aparece. Ten vinte días de prazo para a peritaxe", quéixase Carlos. 

"As ventás, segundo o meu seguro, é responsabilidade da comunidade, pero a comunidade só vai poñer ventás cando se execute a fachada e iso van ser, polo menos, dous meses", engade Marta Mateos, do terceiro piso.

En total, son seis as vivendas afectadas. Todas seguen aínda baleiras, á espera de solucións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/01/2019