CRTVG

Buscar

Os acusados polo alixo do Titán Terceiro afrontan penas de 9 a 13 anos e medio de cárcere

Publicado o 22/03/2021 13:55

Os vinte e un procesados enfróntanse a penas de cárcere de entre 9 e 13 anos e medio, e multas de centos de millóns de euros por un delito contra a saúde pública, agravado pola utilización de embarcacións para transportar unha gran cantidade de droga. Están acusados de coordinarse durante todo o ano 2017 e parte do 2018 para transportar un alixo de cocaína desde o Caribe ata Galicia.

As forzas de seguridade abordaron o remorcador Titán Terceiro en agosto de 2018, preto dos Azores, con catro tripulantes a bordo, dous deles españois. Transportaba máis de 1.700 quilos de cocaína dunha pureza superior ao 80 por cento e valorada en case 60 millóns de euros. Só unhas horas despois era interceptado o pesqueiro Sempre Cacharelos, con tres tripulantes, a pouca distancia do punto onde tiñan concertado o transvasamento da droga desde o remorcador.

Coas detencións en terra, a maioría en Galicia, a lista de arrestados chegou a 26 persoas, entre elas o patriarca do clan dos Charlíns, Manuel Charlín Gama, e o seu fillo Melchor Charlín Pomares, pero finalmente non foron procesados. Un dos que si tería que sentar tamén no banco dos acusados é un narcotraficante brasileiro que residía en España cunha identidade falsa e que está desaparecido desde o ano pasado tras finxir que morrera pola covid-19.







 

Noticias web

22/03/2021