CRTVG

Buscar

Os acusados do roubo con violencia a un matrimonio en Boborás recoñecen os feitos e chegan a un acordo na condena

Publicado o 26/05/2021 14:42

Acordo entre as partes no xuízo en Ourense polo roubo violento a un matrimono de nonaxenarios na súa casa de Pazos de Arenteiro, en Boborás, hai agora dous anos. Os tres acusados asumiron os feitos e conseguiron unha importante rebaixa das penas: de 14 que pedía a acusación a 4 e 3 anos de cárcere.

"Non lle quere ninguén mal a ningún deles, entón por iso chegamos a un acordo. Eles consideran que cos catro anos e pico que chegamos ao acordo que se dan por satisfeitos", asegura a avogada dos anciáns asaltados.

Ataron a ameazaron cunha pistola o matrimonio e a súa coidadora. Ameazaron o home mesmo con cortalle o pescozo. Roubáronlles xoias e cartos. Despois de dous anos no cárcere, dous dos acusados pronto poderán saír xa en liberdade. A tercera implicada xa está libre e pagou unha indenización de 1.500 euros o mesmo que lles roubaron.

"Recoñecen os feitos, asumen iso, arrepíntese do ocorrido e, loxicamente, confórmanse coa petición que lles formula o ministerio fiscal", di o avogado dun dos acusados.

Agora, o matrimonio, que ten máis de 90 anos, só quere esquecer o ocorrido, e por iso facilitaron o acordo. Hai un cuarto implicado, que está fuxido desde aquela. Pensan que detrás de todo estaba a súa anterior coidadora, á que non puideron imputar.

"Eran catro, un está en paradoiro descoñecido, e hai outra persoa que non se puido imputar porque non hai indicios suficientes, que consideramos que é a que realmente organizou todo. Aos meus clientes é o que máis rabia lle dá, que realmente a persoa que si que tiña trato con eles estea fóra de todo", explica a avogada dos anciáns asaltados.

O matrimonio de anciáns agarda que con estas condenas os acusados non volver facer máis mal.

Noticias web

26/05/2021