CRTVG

Buscar

Os acusados do caso Mahía din que só cumprían ordes

Publicado o 07/05/2019 13:41

"Só cumpría ordes". Foi o argumento máis recorrido esta mañá no xuízo polo caso da inmobiliaria Mahía, en Santiago. Despois de que onte o principal acusado asumira a responsabilidade na toma de decisións, hoxe foi a quenda dos outros acusados, entre os que están dous fillos seus e os colaboradores máis íntimos.

Aínda que Ramón López Casal é a cara visible deste proceso, porque era o administrador da inmobiliaria Mahía, hai outros cinco acusados para os que a Fiscalía pide 9 anos e 9 meses de prisión polos mesmos delitos: apropiación indebida e administración desleal. Acúsaos de actuar coordinadamente con López Casal, alternándose as condicións de socio, apoderado e administrador nas máis de cincuenta empresas ás que, segundo a acusación, desviaban o negocio de Mahía para prexudicar outro socio, Manuel Gómez Maroñas, que declarará como testemuña principal.

Todos rexeitan responsabilidade algunha nas cinco operacións de compravenda que se xulgan neste caso e polas que a Fiscalía pide dez millóns de euros de indemnización. Uns, alegando que eran simples empregados con funcións administrativas, que se limitaban a executar ordes. Outros, como Marcos López, fillo de Ramón López, apelando á súa idade, vinte anos daquela, e á escasa formación, por abandonar os estudos. Asegura que se limitaba a asinar os documentos que lle encargaban, sen preocuparse do seu contido. A fiscala citou, como exemplo, a compra de 6 terreos en Salamanca por máis de tres millóns de euros.

Noticias web

07/05/2019