CRTVG

Buscar

Os acusados de explotar laboralmente indixentes alegan que eles mesmos son chabolistas

Publicado o 04/06/2019 14:38

Foi a primeira sesión da vista contra os sete integrantes dun clan familiar luso-español acusado de explotar compatriotas que traían do seu país e aos que mantiñan vixiados e en condicións infrahumanas.

Estes traballadores cobraban salarios de vinte euros á semana sen Seguridade Social e facían xornadas maratonianas de dez horas, seis días á semana, sen dereito a vacacións. Durmían a pé de obra en asentamentos das parroquias viguesas de Bembibre e Cabral, onde fabricaban palés. Alí residían nunha autocaravana ou nun camión abandonado. Estes homes dedicábanse a serrar leña sen protección e non lles daban equipos de seguridade.

Durante o xuízo, os acusados declararon que non facían contratos porque son chabolistas que malviven da recollida de cartón e dixeron que os traballadores se ofrecían a traballar sen saber o que ían cobrar.

A Fiscalía pide entre 2 e 4 anos de cárcere para os acusados por explotar laboralmente estes homes e por poñer en grave risco a integridade física e a súa saúde. Os homes foron descubertos nunha inspección policial en xaneiro de 2017. Cando foron localizados, levaban xa dous anos nesa situación de suposta escravitude. Maña continuará o xuízo coas testemuñas das vítimas.

Noticias web

04/06/2019