CRTVG

Buscar

Os actos vandálicos impiden a apertura das piscinas públicas de Chantada

Publicado o 31/08/2021 13:57

Os vándalos guindaron as mesas do paseo fluvial de Chantada contra o peche das piscinas municipais, onde botaron produtos que aínda non foron identificados. Como consecuencia, contaminaron uns 400.000 litros de auga, que agora non é apta para o baño.

"Pola mañá, un compañeiro de mantemento topouse coas mesas encima do peche. E o máis preocupante é a auga da piscina, porque a depuradora non dá limpado. Algo tiveron que botar, algún líquido ou algunha cousa, que non deixa que a auga se depure, e iso é o que nos impide abrir as piscinas. Levamos dous días cerrados, e ata que isto se poida ben non se poderá abrir", explica José Luís Conde, técnico deportivo do Concello de Chantada.

Dende o Concello de Chantada denuncian que este tipo de actos vandálicos veñen producíndose de forma reiterada. Este mesmo verán xa lanzaran papeleiras contra as piscinas, ao tempo que se rexistraron diversos danos no mobiliario urbano da área recreativa. "Aquí hai pouco que romperon tamén estas varandas, e tiveron que poñelas novas", sinala un veciño da vila.

"Este tema vense repetindo. Xa en todo o verán houbo actos vandálicos. Sempre tiraban algunha cousa para dentro, recollíase e podiamos abrir. O problema máis grande é que isto lle afectou á auga do vaso. Foi o acto vandálico que máis nos molestou porque nos impide abrir as piscinas", asegura o técnico do Concello. 

Como consecuencia destes feitos, as piscinas municipais exteriores de Chantada permanecerán pechadas de forma indefinida.

Noticias web

31/08/2021