CRTVG

Buscar

Os accidentes laborais causan 437 mortes ata agosto

Publicado o 15/10/2019 13:26
Os accidentes laborais causan 437 mortes ata agosto

Os accidentes laborais causaron 437 mortes nos oito primeiros meses do ano, o 4,8 % menos ca no mesmo período de 2018, segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

A maioría destes accidentes mortais (342) producíronse durante a xornada de traballo, un 5 % menos, e o resto (95), un 4 % menos, in itinere, é dicir, de camiño ou de volta a este.

A maior parte dos traballadores falecidos entre xaneiro e agosto, 391, eran asalariados e o resto, 46, traballadores por conta propia, unha cifra que non pode compararse coa de anos anteriores xa que este é o primeiro exercicio en que se recollen todos os datos do colectivo tras a modificación das cotizacións.

Entre os asalariados falecidos durante a xornada de traballo -un total de 300, 282 homes e 18 mulleres-, a principal causa de morte foi natural, como infartos ou derramos cerebrais, con 123 casos, seguida de accidentes de tráfico (55), quedar atrapado ou esmagado (45) ou recibir un golpe (42).

Os servizos concentraron 147 dos accidentes mortais no traballo de salariados entre xaneiro e agosto; a construción, 74 -foi o único sector que incrementou a mortaldade-; a industria, 54, e o agrario, 25.

Ademais, os asalariados sufriron 91 accidentes mortais durante o seu traxecto ao traballo -78 homes e 13 mulleres-, a maioría por accidentes de tráfico (79).

Polo que respecta aos autónomos, a maioría dos accidentes mortais producíronse durante a xornada de traballo (42) e só 4 in itinere.

Nos oito primeiros meses do ano producíronse 416.815 accidentes con baixa laboral, un 4,4 % máis, a maioría durante a xornada laboral (362.137) e o resto, in itinere (54.678).

Os asalariados sufriron 395.094 destas baixas, un 0,9 % máis, das que 341.899 corresponderon a accidentes durante a xornada de traballo, a maioría leves (339.271), aínda que tamén houbo 2.328 graves.

As causas máis comúns foron sobreesforzo físico (119.869), golpes (85.443) ou choques contra obxectos en movemento (53.378), mentres que as actividades con maior número de accidentes foron a industria manufactureira, o comercio e a construción.