Os accidentes de tráfico aumentan un 7% nos días de choiva
E con tanta chuvia, aumentan os sinistros e tamén o volume de traballo nos talleres de reparación de coches. Segundo estes profesionais, a clave para evitar accidentes en mollado son uns bos pneumáticos.
Asfalto esvaradío, pouca visibilidade, máis tráfico...Segundo os datos do Centro de Estudos Ponlle Freo-AXXA cando chove os condutores teñen un 7,4% máis de posibilidades de ter un sinistro. E isto sábeno ben nos talleres, onde non dan feito cos típicos toques do comezo do outono.
"Cando te dás conta frenas, pero o coche esvara e danse os típicos golpes de defensa, faros e tamén saídas de vía", explica Jose Bastón Nieto, xerente de Talleres Bastón.
Aquí téñeno claro, baixo a chuvia a calidade das rodas importa, e moito. Din que pode haber 17 metros de diferenza na freada entre as marcas. Pero, sobre todo, é fundamental que a roda que se teña conserve ben o debuxo.
"Os fabricantes recomendan 3.6 milímetros e aquí chegan rodas con 1.5 ou 1.6, prácticamente planas. Evidentemente esa roda non evacúa auga nin fai nada, é un risco moi grande"
Tamén é recomendable, din, poñer pneumáticos de inverno. Sobre todo entre aqueles que, ademáis de baixo diluvios, teñan que circular por neve nos próximos meses.