CRTVG

Buscar

Os 313 concellos galegos, pechados individualmente nas vindeiras tres semanas

Publicado o 27/01/2021 14:51

Garda Civil e policías locais e nacionais farán controis dinámicos para controlar o cumprimento dos 313 peches perimetrais, un por cada municipio galego, establecidos desde hoxe en Galicia. Explícao o axente de tráfico Héctor Teixeira, nun dos dispositivos establecidos esta mañá no termo de Oroso: "Menos tempo, en diferentes puntos, a diferentes horas e en distintas estradas".

Traballo, visitas médicas ou outras causas que teñan xustificación serán comprobadas polos axentes que, en xeral, constatan un alto grao de cumprimento. Unha das condutoras ás que paraban hoxe confirmábao.

"Eu vivo en Santiago e traballo en Ordes, paréceme ben que o fagan porque isto hai que paralo dalgunha maneira".

Onde más se notan as novas restricións é en concellos que ata hoxe tiñan libre mobilidade, como este do Pino. Con 39 casos de coronavirus diagnosticados, a vida deste municipio rural de preto de 5.000 habitantes, marcada fortemente por un tránsito de peregrinos, hoxe inexistente, semella conxelada.

Os escasos transeuntes que se ven pola rúa son elocuentes: "Non vén ninguén! Quen vai vir?", dicía un deles. Os bares xa etsán pechados e outros negocios que poden abrir ata as seis da tarde, como unha perruquería da zona máis urbana do concello, apenas tiña movemento. O seu responsable asegura que está traballando un 80 por cento menos porque boa parte da súa clientela é de concellos veciños.

Os peches perimetrais estenderanse, como mínimo, durante tres semanas en todos os municipios galegos.

Noticias web

27/01/2021