CRTVG

Buscar

Os 21 anciáns contaxiados na residencia El Pinar de Culleredo seguen estables

Publicado o 21/09/2020 20:23

Un equipo médico do Sergas fai o seguimento diario dos 21 anciáns contaxiados na residencia de maiores El Pinar, de Culleredo. Todo apunta a que o virus chegou ao centro a través dunha traballadora, que, tras ter síntomas, foi a primeira en facer a proba e dar positivo. Na residencia aplicouse o protocolo covid−19. Os médicos din que, de momento, os maiores continúan estables.

Fernando Lamelo, médico: "Estan ben, no salón, seguen estables. Estamos reorganizando o centro para dar os coidados debidos aos nosos maiores".

Dentro duns días vaise facer un novo cribado na residencia. Hai tres usuarios e sete traballadores que deron negativo.

Fernando Lamelo, médico: "Aos negativos hai que volvelos testar por se estivesen en período de incubación. Que as familias estean tranquilas, que os imos coidar".

Fóra do centro, estanse rastrexando os contactos próximos aos positivos, para evitar novos contaxios.

José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo: "Está todo controlado, as familias dos traballadores, que son os que entraban e saían do centro, van facer as probas aos contactos".

Esta é a terceira residencia de maiores intervida pola Xunta nesta segunda vaga da pandemia. Nas do Incio e Outeiro de Rei non se detectaron novos contaxios nas últimas horas.

Noticias web

21/09/2020