Os 17 tripulantes do pesqueiro en Burela contaxiados de covid-19 estarán dez días confinados
Saíran deste porto de Burela rumbo ao Gran Sol e cando estaban en plena marea apareceron os primeiros síntomas.
"Empezaron a ter síntomas como os da gripe e despois foise xeralizando", explica José Míguez, un dos armadores do Adviento Uno.
Cando regresaron a porto practicáronlle as probas e deron todos positivo. Agora permanecen confinados no barco onde pasarán dez días. Os seus familiares achéganlle comida e outros enseres pero non queren volver á casa para evitar riscos.
"Se imos para a casa enfermamos a familia, e eu prefiro estar aquí", sinala José Francisco Ramírez, un dos tripulantes afectados.
"Temos dous nenos pequenos que son asmáticos crónicos e a nena ten un problema nun ril, entón é mellor que quede no barco", conta Lady Isabel, a muller dun dos mariñeiros contaxiados.
Este é o segundo gromo nun barco da Mariña en menos dunha semana. Todos cren que o mellor sería que lles realizasen probas antes de saír ao mar.
"Unha medida efectiva para os mariñeiros sería que nos fixesen a proba antes de saír ao mar. Se pasa algo grave e hai malas condicións meteorolóxicas non hai rescate posible, estamos a centos de millas da costa", sinala Luis Miguel Ramos, un dos tripulantes afectados.
Afortunadamente, ningún dos 17 tripulantes ten síntomas graves e non precisaron ser trasladados a un centro sanitario.