150 nenos e nenas dun club de baloncesto de Santiago demandan instalacións para poder adestrarse
A Agrupación Deportiva de Baloncesto Fontiñas leva 16 anos creando escola neste barrio de Santiago. Conta con máis de 150 nenos e nenas, e este ano atópanse con que non teñen unhas instalacións onde adestrar. Antes da situación sanitaria e dende a súa creación, facíano nun pavillón dun colexio de primaria das Fontiñas que llelo cedían, pero coa covid xa non foi posible.
O presidente da ADB Fontiñas, Adrián Dios, explica o ano pasado, coa Covid "foi moi duro, pero este ano segue a ser igual de dura a pesar que agora a situación comeza a mellorar, pero atopámonos con que en particular a rapazada de 5 a 12 anos non ten onde adestrar, non só no propio barrio senón na cidade. E os maiores de 12 anos están adestrando no mellor dos casos 2 horas e compartindo pista".
Neste barrio en concreto hai 5 pavillóns, pero as restricións marcadas por quen os xestionan non lles permiten dispor deles. Din, dende o club, que entre que os protocolos que non se actualizaron e que moitos mostran reticencias, probablemente por medo, para utilizar esas infraestruturas os nenos dispoñen dunha cancha para adestrar.
Esta situación supón unha serie de problemas cos que deben lidar cada semana, como é dar cobertura a esta actividade para todas as súas categorías, ou cambio de horarios e lugares dos adestramentos que á súa vez afecta a conciliación familiar.
"O gran problema que temos xa non é de horas e de reducir o número de horas totais, que é un problema, senón tamén saber semana a semana saber cando nos adestramos e cando non. Intentamos manter os horarios nese labor de conciliación, non sempre é posible e iso xera un problema grande nas familias", indica Adrián Dios.
Piden que se actualicen os protocolos á situación actual, posto que para este club o seu labor vai moito máis alá da práctica de baloncesto. Aspiran din, a facer das Fontiñas un barrio mellor, fomentando hábitos saudables e contribuíndo na integración da mocidade na sociedade.