CRTVG

Buscar

Os 1.250 profesores de reforzo do Plan Recupera incorpóranse aos centros galegos no mes de setembro

Publicado o 27/08/2021 15:29
Os 1.250 profesores de reforzo do Plan Recupera incorpóranse aos centros galegos no mes de setembro

Os 1.250 profesores de reforzo que forman parte do Plan Recupera da Xunta de Galicia incorporaranse xa no mes de setembro aos centros educativos galegos. De momento, trátase da única cifra de docentes confirmada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para facer fronte ás consecuencias da pandemia este curso.

Así o anunciou o titular do departamento autonómico, Román Rodríguez, con motivo da primeira reunión deste novo período escolar do Comité Educativo que asesora ao Goberno galego durante a crise sanitaria da covid-19. Este plan naceu co fin de apoiar, identificar e detectar desde os propios centros as necesidades e carencias de aprendizaxe provocadas pola pandemia, especialmente no alumnado máis vulnerable, para así mellorar o rendemento académico e facilitar a adquisición de competencias.

A pesar de que se descoñece o reforzo total de efectivos que se manterán de cara a este novo curso académico, Rodríguez puxo en valor a importancia desta dotación e comprometeuse a facilitar todos os recursos necesarios para garantir a seguridade sanitaria e a calidade do sistema educativo.

O conselleiro de Educación asegurou que os profesores destinados ao amparo deste plan superan ás contratacións de reforzo para o pasado curso e a pesar da redución "en máis dun millón de euros" dos fondos comprometidos a Galicia por parte do Ministerio do ramo para o programa PROA de reforzo, orientación e apoio.

Os centros puidéronse adherir a esta convocatoria específica de contratos-programa a partir do mes de xuño e que se resolverá a principios de setembro, coa posterior incorporación destes 1.250 efectivos ese mesmo mes.

Román Rodríguez reiterou que Galicia está preparada para afrontar este novo curso, a partir do protocolo de medidas aprobado a principios de xullo e a experiencia acumulada do pasado ano "grazas á exemplaridade da comunidade educativa". Tamén agradeceu a resposta social masiva á campaña de vacinación do alumnado e que, de manterse o ritmo actual, permitiría cumprir a previsión de contar cos estudantes de máis de 12 anos na primeira semana do curso coa pauta completa.

Outro dos obxectivos da Consellería é traballar para recuperar espazos como as bibliotecas, que en moitos centros destináronse a aulas para lograr a presencialidade e aloxar os diferentes desdobres de grupos realizados para cumprir coas medidas de seguridade.

"Avanzar na recuperación da normalidade e a vida cotiá nos centros educativos sen baixar a garda", insistiu, para si lograr "un maior benestar" da comunidade escolar. Finalmente, agradeceu o papel desenvolvido polo Comité Educativo o pasado curso e poder contar cos seus membros este novo período.

Noticias web

27/08/2021