Oroso pasa a nivel medio, pero dan o gromo por controlado
Teñen 19 casos activos, once deles diagnosticados na última semana, pero en Oroso o gromo dáse por controlado.
"Sabemos que están concentrados en dúas familias, que está controlado", di o alcalde, Luis Rey. "Incluso falamos da posibilidade de facer un cribado e dinnos que non é necesario, porque está controlado", engade.
A incidencia acumulada supera os 250 casos por cen mil habitantes, e por iso teñen que dar un paso atrás.
"Pasamos ao trinta por cento dentro e ao cincuenta fóra", comenta un hostaleiro, que di que "aguantarán como se poida".
Hai resignación e tamén algo de enfado, porque a volta atrás vailles ao peto.
"Ao ter moita menos xente hai que reducir persoal, devolvelos ao ERTE ata que volvamos á normalidade", explica unha hostaleira de Sigüeiro. "Non entendo que nos pechen ou nos rebaixen acollida, ao final sempre pagamos nós", engade outra.
Dende o sábado terán que traballar co trinta por cento da capacidade dentro, e coas terrazas á metade.