CRTVG

Buscar

Orihuela, zona cero da gota fría, suma dúas das seis vítimas mortais

Publicado o 14/09/2019 15:27

Son seis as persoas falecidas por mor da gota fría que afecta ao sueste da península. O último, un home de 41 anos localizado esta mañá aí en Orihuela. Orihuela, zona cero da gota fría na comunidade valenciana, suma xa dous mortos a causa das riadas. O último, un home de 41 anos, que atoparon esta mañá. Onte ao serán, a Garda Civil dera co corpo doutro home, de 58 anos, arrastrado polas augas.

Ninguén recorda inundacións iguais nesta localidade alacantina. As precipitacións deixaron 505 litros por metro cadrado en 48 horas, máis do que adoita chover alí nun ano. E a toda esta agua acumulada sumouse o desbordamento do río Segura.

Todas as entradas á cidade estiveron cortadas e o centro urbano converteuse nunha illa separada e inundada. Os danos en vivendas, en negocios e en cultivos son cuantiosos. Os afectados fan balance dos estragos.

No concello habilitouse un centro de mando avanzado para atender as urxencias deste localidade e de todas as da Veiga Baixa do Segura, tamén moi afectadas. Pero os veciños din que o dispositivo non deu a basto. A pesar da mellora do tempo, a situación do Segura obriga a manter a precaución.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/09/2019