CRTVG

Buscar

Organizan un festival solidario para recadar fondos para o campamento urbano de Amencer

Publicado o 29/06/2021 21:00

Cunha traxectoria de 34 anos, o campamento urbano de Amencer forma parte da infancia de milleiros de nenos ourensáns. Para conseguir fondos cos que financiar a súa actividade, organizan festivais solidarios coma o que están preparando para mañá.

Esta é unha imaxe icónica do verán en Ourense: a solta de globos coa que Amencer proclama o inicio do campamento urbano, celebrado por primeira vez hai 34 anos.

Ducias de voluntarios da asociación traballan diariamente para facelo posible e para que as familias sen recursos non teñan que achegar nada. Con ese espírito nace o festival solidario.

Eva Guntiñas, presentadora do festival: "Son moitos os nenos que non teñen con quen quedar no verán, porque os pais teñen que traballar, e este é un recurso marabilloso".

Óscar Iglesias, presentador do festival: "Nós decidimos xuntarnos na causa con Amencer porque pensamos na crise do ano pasado, que foi moi dura para os pais e nais".

No teatro de Salesianos ensaia xa a banda encargada da edición deste ano.

Non teñen guedellas e naceron no século XXI, pero estes mozos levan o rock no corazón.

Daniel Rojas, vocalista de TDAH'S: "Meu pai é baterista, miña nai cantante, e toda a vida escoitei os Beatles, Rolling Stones...".

Son os TDAH's, unha banda ourensá con formación de conservatorio e espírito roqueiro que promove a empatía e a solidariedade.

Antón Santos Reza, fundador de TDAH'S: "É unha forma de que os nenos poidan pasar o día e divertirse e a nós non nos costa nada, pasámolo moi ben tocando, moito máis nun sitio coma este, e pasámolo moi ben facéndoo".

Ao seu repertorio habitual, que abrangue desde Queen a Nirvana, incorporaron para esta ocasión un dos temas máis míticos de Siniestro Total.

 

Noticias web

29/06/2021