Ordes é o concello con maior incidencia de covid de Galicia pola explosión de contaxios despois das festas
Moitos xa o esperaban, pero coa confirmación de cambio de nivel cundiu o desánimo en Ordes. O sábado sobe tres chanzos o nivel de restricións, do medio-baixo ao máximo. Cando mude este mapa, bares e restaurantes pasan de ter o 75 % de ocupación en interior e o 100 % en terraza a pechar dentro e atender ao 50 % fóra.
"Con dúas ou tres mesas na terraza, que é o que nos deixan ter, estamos pensando en pechar quince días", di o propietario dun bar. "Os que non temos terraza, imaxina. E os que teñen, tampouco lles dá para cubrir gastos", di a responsable doutro local.
Ordes saíu das festas patronais do 15 de agosto con 12 casos de covid e agora ten 195. Xa é o concello coa maior incidencia de Galicia, con máis de 1.500 casos por cada cen mil habitantes a 14 días.
Nas máximas restricións estará tamén Monforte, cunha incidencia acumulada de 1.100. O gromo que xurdiu entre a xuventude despois das festas patronais supera os 200 casos con contaxios secundarios noutras franxas de idade.
"Cando eu pechaba sobre a unha da madrugada e ía para casa e vía todo cheo de xente por aí, a mocidade na rúa sen máscara, con pouca conciencia cívica. Un desastre", lamenta un hostaleiro.
Un mozo monfortino recoñece que saíu durante as festas e que había moito descontrol na vila.
Na outra cara da moeda está O Grove. Entrou na temporada alta turística en nivel máximo de restricións e vaina acabar no nivel medio-baixo.
"Xa tiñamos ganas de que a situación mellorase. Hai turistas e veraneantes e a xente ten ganas de gozar, os hostaleiros cumpren as normas e tiñamos como unha especie de castigo", di María Gómez, xerente da Asociación de Empresarios do Grove.
A incidencia da covid no Grove xa está cen puntos por debaixo da media de Galicia.