CRTVG

Buscar

Ordenan aos imputados no caso Alcoa a devolver 13 millóns de euros ás plantas de Avilés e A Coruña

Publicado o 14/10/2021 17:42
Ordenan aos imputados no caso Alcoa a devolver 13 millóns de euros ás plantas de Avilés e A Coruña

A xuíza da Audiencia Nacional María Tardón ordenou aos directivos de Grupo Industrial Risgo imputados no caso Alcoa a devolver 13 millóns de euros ás plantas de Avilés e A Coruña, un montante prestado polas propias plantas cando o grupo se fixo co control dos edificios tras comprarllos ao fondo de investimento suízo Parter Group.

Segundo adiantou El Periódico de España e confirmaron a Europa Press fontes xurídicas, a titular do Xulgado Central de Instrución Número 3 facilitou aos imputados un número de conta para devolver o importe, cuxa finalidade debe ser garantir a existencia de fondos para a actividade das plantas. As mesmas fontes sinalaron que, nunha vista, algúns dos imputados ofrecerían devolver 10 dos 13 millóns de euros en pouco tempo coa condición de que Grupo Industrial Risgo continuase mantendo a administración das dúas plantas dedicadas á produción de aluminio.

Eses 13 millóns teñen a súa orixe na adquisición de senllas plantas por parte de Grupo Industrial Risgo a Parter Group. Ao non contar con financiamento para afrontar a operación, as plantas prestaron ese importe, o mesmo que a xuíza reclama agora.I

Estas pescudas teñen lugar dentro da causa investigada na Audiencia Nacional despois de que Tardón admitise o pasado mes de decembro a querela presentada pola Confederación de Cadros Profesionais contra un total de dez persoas físicas e nove xurídicas en relación co proceso de venda das plantas da empresa Alcoa.

O pasado mes de marzo unha operación na que ser rexistraron unha decena de inmobles en relación á presunta despatrimonialización fraudulenta das plantas saldouse coa detención de varios executivos do grupo. Doutra banda, a xuíza da Audiencia Nacional tamén trata de dilucidar se os imputados, os últimos propietarios das plantas de produción de aluminio, baleiraron a caixa mediante a adquisición de bitcoins despois de que os investigadores localizaran transaccións da moeda virtual en varias contas bancarias.

Noticias web

14/10/2021