Ordenan novas evacuacións ante o avance da coada que arrasou La Laguna
Imparable e destrutiva. A coada norte arrasou xa o centro residencial de La Laguna. A gasolineira, que xa fora baleirada hai unhas semanas, quedou sepultada baixo o magma. Tras ela, en cuestións de minutos, desaparecerá tamén o colexio, a farmacia e a igrexa.
Das múltiples coadas que saen do volcán esta é a máis virulenta. A lava discorre líquida e a gran velocidade e arrastra rochas do tamaño de edificios.
O que máis preocupa é que se xunten varias linguas de lava cara ao norte da montaña de La Laguna.
A lava e a enorme cantidade de cinsa obrigan a desaloxar cada día zonas novas. Xa onte á tarde se evacuaban os lugares por onde se podía dirixir a coada. Á noite, ordenábase a evacuación urxente dun barrio dos Llanos e de varios de Tazacorte.
Segue sendo unha incógnita cando chegará a outra coada ao mar, que obrigará outra vez a confinarse. Polo demais, seguen os tremores na illa e seguen rexistrándose niveis moi altos de dióxido de xofre.
O volcán expulsou nas últimas 24 horas 7.000 toneladas de dióxido de xofre. Iso indica, din os expertos, que non ten traza de adormecer.
E este era o momento en que un axente do Grupo de Reserva e Seguridade da Garda Civil era sorprendido por unha corrente de convección orixinada polas altas temperaturas que xera a coada cando realizaba medicións do aire e comprobaba os niveis de arsénico na coada de La Laguna.