CRTVG

Buscar

Ordenan a repetición parcial das eleccións municipais en Burela

Publicado o 27/06/2019 11:08
Ordenan a repetición parcial das eleccións municipais en Burela

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso presentado polo partido Buerla Sempre, fundado por Manuel Martínez, a favor de repetir as eleccións nunha das mesas dese concello da Mariña luguesa, por diverxencias sobre os criterios para anular seis votos que poderían outorgarlle un concelleiro en detrimento do BNG.

Burela Sempre argumentou ante a Xunta Electoral da zona de Mondoñedo que non puido "revisar os votos nulos coa finalidade de comprobar se efectivamente eran nulos ou, no seu caso, algún deles era válido".

De feito, o partido de Martínez esgrimiu que se algún dos seis votos nulos nesa mesa "fose considerado válido pola Xunta Electoral de Zona, motivaría que o concelleiro en disputa se lle atribuíse a Burela Sempre", polo que reclamou repetir os comicios na mesa impugnada.

Na súa decisión o TSXG indica que "a formación política recorrente non puido formular protesta ou rclamación sobre os votos nulos durante o acto de escrutinio", dado que nesa mesa non había "interventores presentes" de Burela Sempre.

Por lo tanto, entende que existen "dous feitos cuxa realidade quedou constatada no expediente administrativo", o primeiro deles é que as "papeletas dos seis votos declarados nulos na mesa" non "foron remitidas á Xunta Electoral de zona de Mondoñedo".

O segundo é que "se algún dos seis votos nulos fose validado pola Xunta Electoral de zona" e pertencesen a Burela Sempre, "esta formación política obtería o concelleiro número 13 da corporación municipal". 

Nese sentido, apunta que a Xunta Electoral da zona "ten a misión de verificar o control de legalidade do proceso de votación desenvolvido nas mesas electorais", pero neste caso "ese labor de verificación non puido ser desempeñado" no relativo a eses votos declarados nulos. 

Polo tanto, "non se puido comprobar o contido real dos votos nulos" nin "coñecer a verdadeira vontade dos seis electores que os emitiron". 

En cambio, "se un deles fose declarado válido e estivese dirixido á formación política" que reclama, engade, "alteraríase a composición da corporación municipal, pois obterían un concelleiro en detrimento doutra formación política que o perdería", neste caso o BNG. 

Por iso, o TSXG estima o recurso de Burela Sempre e impón unha repetición das eleccións na mesa impugnada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí