CRTVG

Buscar

Orde de afastamento para un home do Son por ameazar cun coitelo unha veciña

Publicado o 13/06/2019 16:00

Unha muller de 54 anos de idade residente na rúa Horta de Brión de Porto do Son viviu este martes á tarde momentos de angustia. Un veciño irrompeu na súa terraza portando un coitelo de monte e ameazando con matala. Ao parecer, molestáballe o ruído da lixadora coa que a muller facía bricolaxe.

A vítima pediu a axuda da Garda Civil e, mentres non chegaba, fuxiu como puido, co home perseguíndoa ata que uns obreiros a protexeron. Os traballadores tamén contiveron o home, de 67 anos de idade. Previamente, un mozo enfrontouse ao agresor nas escaleiras do inmoble e quitoulle o coitelo, que pouco despois lle devolveu. O agresor foi para o centro de saúde. Tiña varios cortes ocasionados ao escachar unha ventá e foi aquí onde o detiveron. O coitelo deixárao nunha papeleira.

O xuíz ordenou que non podía achegarse a menos de 300 metros da muller. O individuo xa protagonizou outros incidentes. Este mesmo ano ocasionoulle feridas leves a un menor.

Na tenda en que traballa a vítima, que hoxe ten o día libre, contáronnos que está moi asustada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2019