CRTVG

Buscar

Optimismo na bolsa española, tras anotar a maior suba en dúas semanas

Publicado o 07/04/2020 09:39
Optimismo na bolsa española, tras anotar a maior suba en dúas semanas

A bolsa española afronta este martes con optimismo e supera os 7.000 puntos nos primeiros compases da sesión, cando anota unha alza fluctuando polo 2,69 %. Os primeiros sinais de contracción do coronavirus parecen animar os investidores e, ao fío das nove e media da mañá, o IBEX 35, principal indicador do mercado español, ten en positivo case todos os valores.

En Europa, os principais mercados tamén abriron con ganancias: Frankfurt avanza o 3,47 %; Milán, o 3,31 %; París, o 3,13 %, e Londres, o 2,81 %.

As bolsas europeas, entre elas a española, manteñen na xornada de hoxe a tendencia positiva que xa rexistraron na véspera (o IBEX 35 anotou a maior suba en dúas semanas, cunha suba do 3,99 %), animadas polos mellores datos de contaxios polo coronavirus en Europa, o cal podería propiciar un retorno gradual da actividade económica.

Wall Street tamén se disparou o luns un 7,73% no seu principal indicador, o Dow Jones de Industriais, ante o optimismo dos investidores respecto ao funcionamento das medidas de contención do coronavirus nos Estados Unidos e a posibilidade de que a pandemia se achegue ao seu "pico" máximo no país.

En Asia, a Bolsa de Tokio subiu o 2,01 %, mentres que a de Shanghai anotou o 2,14 %.
China, foco da pandemia, asegurou que non certificou novas mortes durante o día de onte por coronavirus, e que os casos graves de infectados se reduciron ata os 211, a cifra máis baixa desde xaneiro.

Neste contexto, o mercado estará hoxe pendente da reunión do Eurogrupo, que podería aprobar un novo paquete de medidas para paliar o impacto económico do coronavirus. Polo momento, exclúe a opción de emitir os "coronabonos" que demandan España ou Italia.