CRTVG

Buscar

A Garda Civil atopa armas e detén unha persoa nunha operación policial na Coruña

Publicado o 29/06/2020 11:21

Operación policial na busca de armas en pleno centro da Coruña. A Garda Civil pechou o acceso a unha rúa do Orzán, procedeu a rexistrar unha vivenda e levou detido o presunto residente desta. 

Sobre as 8 da mañá, unha ducia de axentes da Unidade de Investigación e Seguridade Cidadá cortou o acceso á rúa Corralón, do Orzán coruñés. Pouco despois entraron no primeiro andar deste edificio, coñecido como Casa dos Elefantes, e procederon á detención dun home, tal como conta este veciño, que prefire manter o anonimato.

O detido foi trasladado á Comandancia da Garda Civil, onde permanece á espera de prestar declaración. Os axentes buscaban armas. Algúns dos que participaron na operación saíron sobre as once da mañá co material recollido en varias caixas, despois de rexistrar a vivenda durante algo máis de tres horas. Os veciños aseguran que nunca detectaron movementos estraños no edificio. A investigación segue aberta.

Noticias web

29/06/2020