Operación Varrido: 25 detidos e 14 puntos de venda de droga desmantelados en Santiago
• A policía incautouse de 60.000 euros e distintas drogas nos 17 rexistros realizados
Un total de 25 persoas foron detidas nas provincias da Coruña e Pontevedra e comisadas diversas drogas por valor duns 60.000 euros nunha operación que permitiu desarticular unha rede de distribución de cocaína e heroína en Santiago de Compostela.
Segundo a policía, 13 dos detidos foron ingresados en prisión como parte da operación Varrido e dirixida polo Xulgado de instrución 1 de Santiago de Compostela, en que se desmantelaron 14 puntos de venda de drogas na capital galega.
As drogas comisadas inclúen 400 gramos de cocaína, 300 gramos de heroína, 100 gramos de marihuana, 75 gramos de haxix e 150 pastillas de metadona, ademais de 700 gramos de substancia de corte, tres envasadoras sen carga e dezaoito básculas de precisión.
As detencións producíronse en Santiago de Compostela, Bastavales (Brión), Mos, Salceda de Caselas e o Porriño, e os puntos de venda estaban situados nas zonas compostelás de San Roque, o Ensanche, Fontiñas, Conxo, Cruz de San Pedro, Belvís, San Caetano, Pelamios e o centro histórico da capital galega, segundo a policía.
Os axentes procederon a rexistrar 17 vivendas en Santiago de Compostela na citada operación, que se inscribe nos preparativos de seguridade do Ano Xacobeo 2021, indica un comunicado policial.
A operación comezou a finais de 2019, despois de "numerosas denuncias" sobre a venda de drogas no barrio de San Roque e o Xulgado da capital galega iniciou a investigación.
A repercusión mediática levou os vendedores de droga a establecerse noutros lugares da cidade, incluído o centro histórico e o barrio de Pelamios, onde ademais "ocuparon ilegalmente varios inmobles", segundo a Policía.
As detencións
O primeiro dos detidos na operación é unha persoa residente en Santiago de Compostela, con "numerosos contactos" nas zonas de Cambados, Padrón, Ribeira, Cee e Madrid, e que "ademais de prover" a droga era o "responsable de abastecer de cocaína, heroína e haxix a outros traficantes da cidade e á súa área de influencia", engade a policía.
O segundo dos provedores é un home de orixe dominicana e o seu irmán, que eran "os responsables de distribuír cocaína na zona do Ensanche compostelán".
A Policía indica que a súa "sorpresa" foi que a terceira detida foi unha muller de 70 anos residente no municipio pontevedrés de Mos que establecera un "piso franco" na localidade de Milladoiro (Ames), e que "se desprazaba varias veces á semana" a Santiago de Compostela para "abastecer de cocaína e heroína a outros traficantes de menor entidade, asentados na cidade".
Ademais, os axentes descubriron que a persoa da que muller se abastecía era un home tamén residente en Mos, de 68 anos, con "antecedentes por tráfico de drogas", segundo a policía, que "establecera contactos con outros traficantes das localidades de Pontevedra onde adquiría a droga".
Os axentes incautáronse, ademais das drogas e dos cartos, de 26 teléfonos móbiles, dous vehículos e unha pistola detonadora.
A investigación foi realizada por funcionarios adscritos ao Grupo de Estupefacientes da Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría de Santiago de Compostela e non se dá por finalizada, polo que non se descartan máis detencións.