CRTVG

Buscar

Operación contra o tráfico de heroína con 19 detidos na provincia da Coruña

Publicado o 05/05/2021 10:58

Con esta operación conxunta, a Policía e a Garda Civil desartellan 8 puntos de venda de droga da comarca de Ferrol. Os axentes fixeron máis de 20 rexistros no asentamento chabolista das Chaquetas e noutros poboados da cidade. Tamén en vivendas particulares e negocios. Para iso precisaron dun helicóptero e de unidades antidisturbios.

A investigación comezou hai meses e é continuación doutra operación desenvolvida a semana pasada en Cambados, Vigo, Ferrol e outros concellos da provincia de Pontevedra. Naquela operación cinco dos arrestados ingresaron en prisión, catro incondicional e un eludible baixo fianza. Outros cinco quedaron en liberdade. Tirando do fío desa primeira operación, os investigadores notaron que moitos dos que ían mercar droga ao Salnés eran veciños de Ferrol. A operación continúa aberta e baixo segredo de sumario e non se descartan máis arrestos.

Todos están acusados de integrar unha rede dedicada ao tráfico de heroína en Galicia. Unha mafia dirixida supostamente por un taxista do Grove e polo avogado Manuel Estévez, ambos con antecedentes por tráfico de drogas.