CRTVG

Buscar

Onde caerán os restos do foguete chinés que avanza sen control cara á Terra?

Publicado o 07/05/2021 18:37
Onde caerán os restos do foguete chinés que avanza sen control cara á Terra?

O foguete chinés Long March 5B viaxa sen control a unha velocidade de 28.000 quilómetros por hora e en completar unha volta á Terra tarda hora e media; a última previsión di que entrará na atmosfera á 1.59 horas peninsular do domingo, cunha marxe de erro de máis menos 7 horas e 45 minutos.

"A medida que o foguete vaia perdendo altura na súa órbita elíptica -agora no punto máis próximo á Terra está a 160 quilómetros- poderase reducir esta incerteza", sinalou a Efe Jorge Lomba, xefe do departamento de Espazo do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI).

As estimacións máis certeiras, por tanto, só se poderán facer unhas poucas horas antes do reingreso, recalca este experto, quen sinala que, segundo os últimos cálculos a partir de observacións e modelos matemáticos, os restos do foguete que poderían caer á Terra faríano nalgún punto do paralelo 41. E con maior probabilidade no océano Atlántico, seguido do Pacífico e do Índico.

É certo, agrega, que na zona que separa o paralelo 41 norte e sur atópase unha parte de Europa e en concreto España, pero a día de hoxe as posibilidades de que os restos caian en superficie terrestre son moi baixas: "a probabilidade de que caia en España aumentou un 50% nas últimas 12 horas, pero segue sendo moi baixa".

Tanto o Pentágono (Estados Unidos) como o Servizo de Vixilancia e Seguimento Espacial da Unión Europea (EUSST) están monitoreando o foguete chinés que está fóra de control e ven pouco probable que caian restos do mesmo en zonas poboadas da Terra.

O foguete (un Long March 5B), que foi utilizado a pasada semana pola China para lanzar ao espazo un dos módulos da súa futura estación espacial, ten unha masa estimada que oscila entre as 17 e as 21 toneladas e un tamaño duns 30 metros, o que o converte, no pasado próximo, nun dos maiores anacos de cascallos que reentrarían na atmosfera, de aí a súa vixilancia continuada.

Non é a primeira vez que unha nave chinesa está no punto de mira de servizos de vixilancia de todo o mundo, incluído España. En abril de 2018 o laboratorio orbital Tiangong 1, que estaba en desuso desde 2016 e que vagaba sen control polo espazo, reentrou na atmosfera terrestre sobre o océano Pacífico sur.