CRTVG

Buscar

Once positivos máis relacionados co gromo en varios cerqueiros de Ribeira

Publicado o 10/05/2021 13:33

O gromo que se orixinou nun cerqueiro de Ribeira non para de medrar. Xa suma 21 casos, entre tripulantes e familiares. Hai máis de medio cento de persoas en corentena e un mariñeiro hospitalizado na UC.

O gromo iniciouse nun buque pero estendeuse á tripulación de outros dous, tras compartir os mariñeiros o autobús en que viaxaron dende o porto de Xixón a Ribeira. Os cerqueiros traballaban na zona de Asturias na campaña da anchoa.

Este é o segundo gromo importante que se dá nos pesqueiros da vila. O outro rexistrárase no mes de novembro. Por iso dende o sector urxen á vacinación dos seus tripulantes.

O certo é que preocupa a situación epidemiolóxica da capital da Barbanza. Aínda que a incidencia acumulada a sete días mellorou, a 14 días segue sendo alta, con 190 casos por cada cen mil habitantes.