CRTVG

Buscar

Catro unidades móbiles da Garda Civil reforzan este verán a seguridade no Camiño

Publicado o 27/05/2021 15:06

Once mil axentes da Garda Civil velarán pola seguridade nos case catro mil quilómetros que suman as rutas xacobeas, con especial atención á máis concorrida, a do Camiño Francés.

"Dedicarémonos a previr delitos, a protexer os servizos públicos, manter a seguridade viaria ou vixiar as normativas de explotación hostaleira", enumeraba a directora xeral da Garda Civil. María Gámez presentou en Santiago o dispositivo de seguridade para o Xacobeo, que se despregará dun xeito especial do 1 de xuño ao 30 de setembro.

Como novidade este ano, as zonas máis concorridas reforzaranse con catro unidades móbiles de atención ao peregrino.

"Trasládanse os postos da Garda Civil a determinados puntos do Camiño que se consideran estratéxicos en cada momento", explicou Gámez, co obxectivo de "facilitar a presentación de denuncias se é necesario, e ofrecer información de todo tipo", engadiu.

Francia, Portugal e Italia volven destinar axentes ao Camiño, pero este ano tamén chegarán doutros países. Segundo dixo Gámez, "está prevista a presenza de policías de Brasil, Alemaña e o Reino Unido nas diferentes rutas, durante a semana anterior e posterior ao 25 de xullo".

En Galicia haberá 1.500 axentes despregados, que tamén terán reforzos nas datas próximas ao 25 de xullo.

 

Noticias web

27/05/2021