Once concellos da área sanitaria de Vigo súmanse ás restricións máis altas
Vigo e outros dez concellos desta área sanitaria entran no nivel máximo de retricións e, unha vez máis, o sector da hostalería será un dos máis prexudicados. Aquí os casos non deixan de medrar e aumenta tamén a presión asistencial nos hospitais. As autoridades fan un chamamento ao autoconfinamento e moitos cidadáns na rúa son partidarios de endurecer aínda máis as retricións.
Nas últimas vinte e catro horas confirmáronse 169 casos novos por PCR na área sanitaria viguesa, onde os pacientes con infección activa se elevan a 2.596. Unha situación que preocupa ás autoridades sanitaria.
Dende o xoves en cafeterías coma esta de Vigo non poderán atender os clientes no interior do local. Só poderán facelo na terraza, ao cincuenta por cento, ou vender para levar a domicilio.
Gondomar, Nigrán, O Porriño, Mos, Arbo, A Cañiza, Crecente, As Neves, Mondariz e Salceda son xunto a Vigo os concellos que entrarán no nivel de restricións máis altas que tamén afectan as ocupacións dos centros comerciais, os espectáculos, locais de xogos, recintos feirais ou piscinas. Todos estes concellos terán peche perimetral propio.