CRTVG

Buscar

Once cans de caza morren envelenados en Allariz

Publicado o 02/12/2017 21:24

Cazadores do Tecor de Allariz denunciaron ante a Garda Civil o envelenamento de varios dos seus cans durante unha saída ao monte hai unha semana. Faleceron once dende o domingo pasado e á meirande parte dos animais o veleno non lles fixo efecto ata pasados varios días. Sospeitan que alguén o deixou non monte para matar unha manda de lobos que acostuma a frecuentar a zona. 

"Toda esta zona, que esta é zona vedada, está a gandería toda aquí. Onde parece ser que andan lobos, que se teñen visto e mesmo os temos botado. Haberá uns vinte días, é nesta zona onde se teñen visto os lobos".

E coidan que ese é precisamente o problema. Dende hai semanas detectaron a presenza dunha manda de lobos nos montes da zona. Cren que alguén quixo envelenalos e que os prexudicados foron soamente os seus cans. Morreron once dende o domingo pasado.

"Medio Ambiente marchou con dous cans para analizar, a ver de qué tipo de veleno é, porque é un veleno que fai efecto moi tarde. Dende o domingo que se cazou nesta zona está facéndolles efecto agora a varios cans".

Tanto o tecor de Allariz coma os donos dos animais interpuxeron xa unha denuncia ante a Garda Civil. Din que os cans sofren unha auténtica agonía antes de morrer dende o momento no que presentan os primeiros síntomas. 

"Dende que detectamos como os cans empezaban a rascarse, a incharse a gorxa, a cara... pois en sete horas falecen os cans. De momento non hai remedio nin soro. Temos hoxe un can ingresado, a ver qué solución lle dan, pero non pinta ben a cousa". O Seprona fíxose cargo da investigación. Os cazadores confían en que se dea canto antes cos responsables

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2017