CRTVG

Buscar

Once anos da desaparición de Sonia Iglesias

Publicado o 18/08/2021 13:10

Sonia Iglesias tiña 37 anos cando a viron por última vez a mañá do dezaoito de agosto de 2010 no centro de Pontevedra, onde a levara o marido no coche.

A súa busca en distintos lugares non deu resultado para aclarar o desenlace dun caso que tivo no home de Sonia, Julio Araújo, o sospeitoso principal. El fora quen denunciara a desaparición. Faleceu o ano pasado sen que se lograsen probas consistentes na súa contra. No transcurso das pescudas tamén interrogaron un irmán del.

Os rastrexos na procura de restos biolóxicos de Sonia Iglesias nos coches deles, en terreos e no panteón da familia Araújo tampouco esclareceron nada.

As dilixencias arquiváronse e o caso pechouse provisionalmente en dúas ocasións no xulgado de Violencia de Xénero por falta de probas. O prazo legal ata a prescrición remata dentro de nove anos.

A Administración de Xustiza está a tramitar o expediente para declarar o falecemento de Sonia. Solicitouno o seu fillo, Alejandro Araújo Iglesias, ao chegar á maioría de idade e pasar dez anos desde a desaparición, co obxectivo de desbloquear asuntos legais e administrativos.

Noticias web

18/08/2021