CRTVG

Buscar

Oliver Laxe e Dani de La Torre, directores galegos de cine con protagonismo propio no Festival de Málaga

Publicado o 06/06/2021 21:41

As estampas de dúas Galicias do interior, rurais, de contacto real coa natureza separadas por un cento de quilómetros levaron esta fin de semana ao Festival de Málaga dous dos nosos directores de cine máis recoñecidos, unidos por un sentimento común, a volta á orixe.

A película Live is life de Dani de la Torre compite na sección oficial:
"Eu penso que é unha historia que había que contar porque eu vivín esa parte. Eu era o rapaz que estaba en Galicia e viñan os meus amigos de Barcelona, Madrid e Euskadi, fillos de emigrantes que estaban traballando alí e compartiamos un montón de cousas. Non hai tópicos aquí, hai realidade. E eu penso que fai falta contar de onde vimos e a onde imos".

Dani de la Torre volve aos 80 a unha noite de lumieiras, "Todo lo que tiras al fuego en la noche de San Juan es como si lo dejaras atrás", cun grupo de rapaces que teñen un verán e unha vida por diante. E Oliver Laxe chega desde Os Ancares para recoller o Premio Málaga Talent por unha traxectoria artística de cine comprometido tamén coa terra. No seu camiño hai outro lume, o de O que arde, que engulía Os Ancares de Amador e Benedicta. Alí están os seus proxectos de madurez pensados para acougar o público.

"Teño claro cal é a mirada coa que quero enfocar as miñas películas e o que quero que experimente o espectador. Creo que ese é un pouco o rol do cineasta, do artista en momentos de tantas divisións e incertezas, de tranquilizalo, non?" Di Laxe.

Historias e estilos diferentes que teñen o seu punto de encontro en amosar o máis esencial das relacións humanas.
"Foi o mellor día da miña vida" Live is life!

Noticias web

06/06/2021